7 BOCETOS DE UN ESPACIO
ENCERRADOS EN ESE ESPACIO
No meu traballo artístico o espazo é sempre o protagonista, o obxecto resulta algo insubstancial, diría que prescindíbel. Rematei por facer arte sen obxectos, é dicir, onde non haxa nada, onde non haxa imaxes. Na maioría das obras que producín até o momento semella existir unha especie de invasión do espazo, de apropiación a modo de control, que se expande no posíbel. Máis non estou interesado na reflexión asociativa ou simbólica, non procuro un significado máis aló do que se mostra, non temos unha zona máis importante na que mirar, non temos un centro de atención. Onde mirar entón? Que é o que se propón ao espectador?
Peter Handke falábanos da importancia non dun estado artificial introducido no mundo do cotián senón máis ben de que a verdade atópase nas propias cousas, ou en palabras de Zumthor «non existen ideas fóra das cousas». É que eu quero entender as cousas que mencionan non xa como obxectos senón como construcións reais, espazos nos que non sucede nada accesorio, senón un coñecemento dos detalles e o seu artellamento en todo un estado de cousas.
A obra que presento especificamente para este certame non nega o espazo.
Non expoño os esbozos como obra acabada, ou propoño un espazo distinto ao real.
A reflexión que plasmo neles non é a lectura que quero facer chegar ao espectador.
Propoño a negación do acceso a un espazo sobre o que o artista reflexionou. Pechar o espazo ao espectador e deixar no seu interior os apuntes sobre o espazo a modo de bosquexos é a maneira de que a supresión se entenda de xeito consciente, e sexa así capaz de vivir o ausente como presente (pois fisicamente segue existindo, malia non poder visualizarse) convidando o espectador a reflexionar e facéndoo partícipe deste.
Trátase por tanto de entender o espazo como un todo, de velo como algo prioritario que dialoga co espectador.
«Recordo distintas vivencias nas salas do auditorio, as divisións en compartimentos seica non variaban moito en cada exposición. Percibíaas eu do mesmo xeito mentres as experimentaba? Creo que si, pero non estou seguro diso. Primeiro a impresión: máis tarde veu a reflexión. E é que só co paso do tempo e en determinadas circunstancias, certas cousas se presentaron coma conscientes. A sala que elixín non sempre a recordo do mesmo xeito: en ocasións a entrada da esquerda estaba pechada e obrigábame a volver polo mesmo sitio para continuar o percorrido expositivo, outras veces recordo o cuarto escuro cunha instalación de Pamen Pereira ou Isaac Cordal, con pinturas de Álvaro Negro tamén a recordo... Sempre semellou ser un espazo máis baixo ca os demais e dende logo moito máis escuro, diría que frío; a verdade é que ese espazo non sempre o percibín coas mesmas dimensións. Superpóñense e condénsanse mutuamente as imaxes das distintas experiencias análogas. A altura que recordo poida que existise, ou quizais unha columna máis. Non estivo ao principio e máis tarde suprimiuse? Ou seguro que nunca existiu... pero debería de existir para mellorar o espazo? (...). O recordo é tan importante coma o espazo mesmo: a reflexión do que é. Non como significado ou simbolismo, senón o que é, sen máis. Tórnase algo básico pero para min é fundamental».
Pieza producida para el Premio Auditorio de Galicia de novos artistas
Fotografías de la pieza documentadas por el autor: imágenes del video extraídas del catálogo digital de la muestra realizado por el estudio Uqui ||||| Cebra para Auditorio de Galicia.
— |